O pasado 25 de maio, a sede de Embutidos Lalinense foi o escenario dun acto de especial relevancia: a investidura de galeguismo empresarial da empresa, coincidindo co 75º aniversario da súa fundación. O evento contou cunha gran asistencia de empregados, directivos, amigos, familiares e numerosos empresarios, que se reuniron baixo unha carpa especialmente instalada para a ocasión.
A celebración comezou coa intervención do alcalde de Lalín, que expresou o seu agradecemento pola invitación e o seu orgullo por contar no seu municipio cunha empresa tan representativa en Galicia, destacando o uso do galego como sinal de identidade. Posteriormente, Cruz López, de Embutidos Lalinense, agradeceu a presenza de todos os asistentes e realizou un percorrido pola historia familiar da empresa desde os seus inicios ata a actualidade.
Xosé González Martínez, presidente do Foro E. Peinador, continuou o acto cunha revisión da historia do pensamento económico galego e as figuras máis destacadas que galeguizaron as súas actividades empresariais. Pola súa parte, Carlos Varela, Fiscal da Fiscalía Superior de Galicia e membro do Foro E. Peinador, abordou o marco normativo galego e estatal, así como a xurisprudencia que respalda a legalidade da galeguización nas etiquetas dos produtos.
Lito Andión, xerente da Cooperativa Hoxe, explicou detalladamente a práctica galeguizadora da súa empresa. Manuel Rial, director xeral de Seguridade A1, unha empresa significativa no sector da seguridade en Galicia, profundou na biografía da empresa e a súa relación coa lingua galega.
O acto concluíu coas palabras do Secretario Xeral de Política Lingüística, Valentín García Gómez, que agradeceu a empresas como Embutidos Lalinense sumarse ao proceso de normalización lingüística no ámbito económico.