DOUTOR SIXTO SECO: Valedor da lingua e a cultura galegas.

    Así reza a placa de bronce coa efixie do doutor Sixto Seco, da autoría do escultor José Molares, que desde onte está colocada nas confluencias da rúas A. Casares e Ourense, na Rosaleda, en Santiago de Compostela. Un acto sinxelo pero cheo de emoción e respecto a quen foi un verdadeiro valedor do orgullo de sentírmonos galegos e galegas.

    O Presidente do Parlamento Galego, D. Miguel Santalices; a Alcaldesa de cidade, Dna. Goretti Sanmartín; o Secretario xeral de Política Lingüística, D. Valentín García Gómez; D. Antonio López, Reitor da USC; a Coordinadora xeral da ISAGA (Irmandade da Sanidade Galega) a doutora Dna. Flora Miranda Pena; D. Xoaquín Monteagudo Romero, Presidente da Asociación de Funcionarios (AFNLG) e a súa filla, Dna. Marié Sixto en nome de toda a familia presente, incluida a súa irmá, falaron ao público asistente recordando a súa figura desde diferentes aspectos da súa traxectoria persoal e profesional.

    Un home poliédrico que adicou a súa vida á medicina e a Galicia, nomeadamente a cultura e defensa da lingua galega exercendo un galeguismo que irradiaba en moitos frontes: Presidente do Padroado Rosalía de Castro e da Fundación Otero Pedrayo, integrante do Consello da Cultura Galega, da Fundación Penzol ou da Editorial Galaxia. Formou parte da Escola Médica Compostelá, a denominada Fonte Limpa compostelá, creada a mediados do século XIX, entre otros por Varela de Montes ou Maximino Teixeiro, famosos clínicos compostelanos coetáneos de Rosalía de Castro á que ambos trataron; a saga dos Baltar Cortés e Baltar Domínguez (pai e fillos) médicos comprometidos con Galicia que deixaron tamén unha pegada importante no ámbito cultural e político; os doutores García Sabell, Rof Carballo ou López Nogueira entre outros moitos médicos que enraizaron a súa traxectoria na cultura galega, na defensa do noso idioma e no humanismo clínico.

    A súa filla Marié deu a coñecer un documento achado entre os papeis do seu pai relativo aos desexos expresados na Declaración de Vontades que el asinou nun acto convocado pola Asociación de Funcionarios para a Normalización Lingüística en San Domingos de Bonaval, pertencente á iniciativa de dinamización lingÚística “En galego, agora e sempre”

    Previous articleXV Asemblea da Irmandade Xurídica Galega
    Next articleGALEGUISMO EMPRESARIAL: Comprometidos co Futuro