
Celebrouse no Cemiterio Municipal de Marín o acto para conmemorar o Día da Restauración da Memoria Lingüística de Galicia coa descuberta dun monolito e unha placa en homenaxe aos veciños e veciñas daquela vila que fixeron posible que Galicia sega a ter cultura e lingua de seu. O acto foi convocado pola Asociación de Funcionarios para a Normalización Lingüística e o Ateneo Santa Cecilia, que contaron coa colaboración do Concello. O Secretario Xeral de Política Lingüística, Valentín García Gómez, salientou na súa intervención o fondo podagóxico da iniciativa para rachar coas inercias do pasado e asentar un novo modelo de lembranza dos defuntos que en vida tiveron como única lingua a galega. Xosé González Martínez en nome da Asociación de Funcionarios para a Normalización Lingüística fixo fincapé na importancia de amplificar o eco desta iniciativa, convidando aos asistentes a trasladaren ao ámbito familiar e amical os seus fundamentos. Lois González Dopazo, presidente do Ateneo, anunciou a preparación dun novo volume de “En galego, agora e sempre”, con mandas testamentarias dos veciños interesados en publicas, para presentalo o próximo ano. A alcaldesa,María Ramallo, manifestou o poio institucional aos actos do próximo ano. A celebración foi amenizada por un gaiteito e un zanfonista. Un bo número de asistentes asinou a Acta de Vontades, para deixaren constancia do desexo de que as súas exequias se celebren en galego.