No cemiterio municipal do concello de Caldas de Reis, na parroquia de Eirín, celebrouse o Día da Restauración da Memoria Lingüística de Galicia. O acto, que tivo lugar onte, contou coa participación de representantes institucionais e de diversas entidades sociais. D. Isaac González, veciño de Arcos da Condesa, abríu a sesión destacando a importancia deste tipo de iniciativas para a pervivencia do noso idioma e Ana González Chogó, estudante de periodismo e residente no concello, ofreceu unha introdución que resaltou a necesaria visión xeracional para fomentar e insistir no uso da lingua galega entre a xuventude, especialmente en tempos nos que a súa promoción é vital.
D. José Manuel Fariña Jamardo, concelleiro responsable de normalización lingüística no concello deu lectura a acta de vontades de Dª Dolores Villarino recollida nun dos libros editados en anos anteriores “non desherdes a túa lingua”, con motivo desta campaña.
O alcalde de Caldas de Reis, D. Juan Manuel Rey, agradeceu á Asociación de Funcionarios que escollese o seu municipio para esta celebración, que xa se fixera en 2018 en Arcos da Condesa. Na súa intervención, subliñou a importancia de restaurar a memoria dos falecidos que sempre falaron galego, destacando a deturpación da súa existencia ao estar soterrados en castelán.
O concelleiro de cultura, D. Manuel Fariñas, manifestou que este tipo de actos deben ter continuidade nos próximos anos en todos os cemiterios municipais, xa que son fundamentais para defender o patrimonio lingüístico de Galicia e para fomentar a pedagoxía social sobre a nosa cultura e lingua propia.
D. Valentín García Gómez, Secretario Xeral da Lingua, celebrou a realización do acto como un medio para potenciar o discurso da galeguización da memoria dos que sentían e falaban en galego, insistindo na crecente necesidade de promover o uso do galego en todos os sectores sociais para afianzar plenamente o noso idioma na sociedade.
D. Xosé González Martínez, vicepresidente da AFNLG, abundou na lóxica fundamentación da iniciativa “En galego, agora e sempre”, que desde o seu inicio tivo lugar en case un cento de cemiterios, convertendo a presenza de persoas asistentes en auténticos transmisores dun discurso clave para a normalización da lingua galega en todos os ámbitos sociais.
O acto foi amenizado por Óscar Franco, que interpretou varias pezas galegas coa súa zanfona, engadindo un toque cultural que reforza a relevancia do galego na nosa sociedade.