“En galego, agora e sempre”
San Paio de Albán-Coles (Ourense). Domingo 03.11.24
O pasado domingo en San Paio de Albán, Coles (Ourense), celebrouse outro acto da campaña En galego, agora e sempre, coa instalación dunha placa conmemorativa á entrada do cemiterio da parroquia na memoria de todas as persoas que alí descansan, recoñecendo o seu papel fundamental na transmisión da lingua e da cultura galegas, pois grazas a elas Galicia conserva a súa identidade lingüística. Colocouse tamén un epitafio en lingua galega na sepultura de Manuel de Dios, recoñecido musicólogo, como símbolo de respecto pola súa traxectoria e compromiso coa lingua e coa cultura galegas. Este xesto representa un paso máis no obxectivo de restaurar a memoria lingüística de Galicia no entorno das homenaxes póstumas, xa que, a pesar de que a maioría das persoas soterradas sempre falaron e se relacionaron en galego os seus epitafios e inscricións permanecen para sempre en castelán. Unha distorsión que non reflicte a realidade lingüística do país, xa que a gran maioria dos habitantes deses núcleos rurais son cento por cento galegofalantes. Galeguizar os actos e recordos asociados á morte, é promover unha normalización real da lingua galega na sociedade. No acto participaron o alcalde do concello; un fillo do homenaxeado; un catedrático de lingua galega e o vicepresidente da AFNLG. Amenizou o acto a Coral amigos de Manuel de Dios, antigos integrantes da Coral de Ruada.