Un ano máis o Foro E. Peinador celebrou o Día da Galeguidade Empresarial dedicado a Enrique Peinador Lines. Nesta ocasión o escenario foi a Escola Universitaria de Estudos Empresariais da Universidade de Vigo. Programáronse dous actos diferenciados. O primeiro foi no auditorio do centro, no que participaron oito empresarios ben representativos de distintos sectores.
Xosé González, presidente do Foro E. Peinador abríu o acto facendo un percorrido pola historia da galeguización empresarial desde o primeiro terzo do século XX deica hoxe, sinalando os fitos máis sobranceiros deste proceso regaleguizador.
Casian García, director xeral de Celtic Estores, unha empresa de alta tecnoloxía radicada no concello de Moraña manifestou na quenda de intervencións a súa saistacción por pode informar que a súa firma comercial, que celebrou o acto de “investidura de galeguismo empresarial” hai cinco anos, sigue co desenvolvendo o compromiso asumido entón de progresar na galeguización da xestión administrativa da empresa.
Diego Iglesias, presidente de Asociación de Colleiteiro e Embotelladores do Ribeira, que aglutina a trinta e dúas adegas, incorporouse como colectivo a este proceso, malia teren galeguizadas as etiquetas a meirande parte das adegas asociadas.
Gonzalo Losal, en nome da empresa monfortina Calzados Losal, apostou pola innovación lingüística nas relacións empresarias en consonancia coa constante evolución das marcas de calzados que producen.
Alberto Vilas, xerente de Apetamcor, unha cooperativa de transportistas de ámbito galego que aglutina a novecentos asociados, relatou polo miúdo a presenza da lingua galegas nas actividades Empresariais.
Antonio Miranda, director e propietario de Mercafrio, unha empresa dedicada á instalación de cámaras de frío en buques e instalación en terra, cunha ampla experiencia e implantación no sector, relatou aos asistentes á xornada que o galego lle ten servido para relacionarse comercialmente con países como Angola, Mozambique e Brasil de fala portuguesa; asi como nas relacións en Galicia con clientes e provedores.
Lito Andión da Cooperativa Leiteira Hoxe, con recoñecidas marcas de queixos e lácteos no mercado galego e estatal, sinalou que o uso do galego na etiquetaxes dos seus produtos aporta un plus de orixinalidade e certificación da denominación de orixe, que é ben recibida polos clientes e consumidores.
Pechou a quenda de intervencións don Ramón Castromil, director xeral da Empresa Castromil, que foi na década dos anos 90 a que máis sobranceou en galeguidade, facéndoo ademais no tempo recórd de seis meses. Lembrou con emoción os “Contos do Castromil”, relatos breves escritos por trinta escritores galegos que se distribuían de balde a todos os viaxeiros, os nomes que se lles deran a todos os autobuses da frota, e outras medidas que recibirán daquela os parabéns dos usuarios. Animou a todas as empresas a aproximárense á galeguización empresarial sen medos.
PRESENTACIÓN DA BIOGRAFÍA DE ENRIQUE PEINADOR LINES
A continuación o profesor e historiador, Ricardo Gurriarán Rodríguez presentou a obra publicada para a ocasión co significativo título “Enrique Peinador Lines e Mondariz.Empresa, Turismo e País”, relatando algúns feitos relevantes da estratexia comercial do biografado durante os anos que dirixíu o Balneario e a embotelladora de augas. Información, a máis dela inédita, que é o resultado dun exhaustivo traballo de investigación que puxo cabo a moitas décadas de intencionado silencio sobre unha maneira de facer negocios ao tempo que galeguismo empresarial.
O Secretario Xeral de Política Lingüística, don Valentín García Gómez, intervíu a seguir para indicar que o camiño da galeguización empresarial riquire imaxinación e moita pedagoxía para ir superando os prexuízos lingüísticos que aínda están chantados no tecido empresarial galego, ofrecendo o seu apoio nesta arela que incorporar a lingua galega no ámbito socioeconómico.
INAUGURACIÓN DUN BUSTO
Ao pé, xusto dediante da entrada principal do centro académico, descubríuse un monumento en bronce de Enrique Peinador Lines. Participaron con cadanseu parlamento, don Xosé González, presidente do Foro E. Peinador, que lle recordou ao presidente da Real Academia Galega, que estaba presente, a oportunidade de que se lle dedicara un ano o Día das Letras Galegas a Enrique Peinador Lines; don Xosé A. Lorenzo, alcalde de Mondariz-Balneario; dona Carmela Silva, presidenta da Deputación Provincial; don Valentín García, Secretario Xeral de Política Lingüística, que remachou a importancia que tivo no rexurdimento cultural galego Enrique Peinador Lines e as modernas instalación do Balneario que foran modélicas; e don Abel Caballero, alcalde de Vigo, que fixo unha disertación rigorosa e acaída da contribución do homenaxeado á vertebración territorial da área metropolitana, e a visión estratéxica do turismo para a economía galega de comezos do século XX.
A participación de empresarios, profesores da Escola e o moito público congregado celebrou a organización do Día da Galeguidade Empresarial cos seus aplausos.