Día da Galeguidade Empresarial

    Coa asistencia de empresarios, deputados e cargos institucionais celebrouse no Parlamento de Galicia o Día da Galeguidade Empresarial. O empresario Xerardo García Alvela deu lectura á Declaración elaborada polo Foro E. Peinador animando ao empresariado galego a incorporarse ao proceso galeguizador. Abundando no argumentario o Presidente do Foro, Xosé González Martínez, fixo un percorrido pola historia de Galicia revelando figuras tan salientables como a de Isidro Parga Pondal a quen está dedicado o Día da Galeguidade Empresarial de 2014, figura que foi louvada polo historiador Ricardo Gurriarán, autor dunha biografía de próxima aparición.
    Xosé Turnes, empresario do Foro E. Peinador, fixo fincapén a súa propia experiencia e na doutros empresarios para vencer os prexuízos lingüísticos. O Presidente da RAG tamén intervíu recordando o encontro que esta institución académica mantivo o pasado mes de maio no Balneario de Mondariz con empresarios do Foro E. Peinador.
    O Sr. Conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria fixo referencia ás actividades do seu departamento e a Presidenta do Parlamento citou na súa alocución a recente resolución aprobada pola Cámara galega apoiando a etiquetaxe en lingua galega e a celebración dos 10 anos de aprobación do Plan Xeral de Normalización Linguística.
    Numeroso público representativo das máis altas institucións galegas estiveron presentes no acto que foi amenizado musicalmente por Uxía Senlle.

    Previous articleLuís Soto. Vieiros da memoria
    Next articleIV ASEMBLEA DA IRMANDADE DA SANIDADE GALEGA

    LEAVE A REPLY

    Please enter your comment!
    Please enter your name here