Descuberta unha placa conmemorativa no edificio onde vivíu e morreu Ramón Obella Vidal

    Descuberta unha placa conmemorativa no edificio onde vivíu e morreu Ramón Obella Vidal- Foro Peinador - 20/07/2009

    Para o presidente do Foro E.Peinador, Ramón Obella Vidal representa na historia de Galicia o avance da investigación que supuxo para o agro galego atallar os andazos que estragaban as colleitas e a vida do gando, que eran a base de sustentación dos nosos labrego, amén doutras aportacións farmacolóxicas de gran transcendencia para asegurar a calidade de vida da humanidade.

    Onte, día 20 de xullo de 2009, celebrouse, ao pé do inmoble número 16 da rúa Alfonso XIII de Vigo, o acto de descuberta dunha placa  na que se perpetua a memoria de don Ramón Obella Vidal “investigador empresario e galeguista”. Asistiron ao acto os concelleiros vigueses don Santiago Olveira, don Eudosio Álvarez, dona Yolanda Veloso e don Xesús López; o Fiscal Superior de Galicia, don Carlos Varela García, o autor da biografía de Obella, don Ricardo Gurriarán, e mailo presidente do Foro E. Peinador, don Xosé González Martínez entre outras moitas persoas que quixeron acompañar este acto da memoria.

    O presidente do Foro Peinador dirixíuse aos presentes recordando unha data tan importante para a humanidade como a do 20 de xullo na que se rememora a chegada de dous astronautas á lúa indicando que tamén hoxe había que conmemorar a do nacemento de Ramón Obella Vidal e a constitución da empresa Zeltia, que el fundou hai setenta anos.

    Para o presidente do Foro Peinador, don Ramón Obella Vidal representa na historia de Galicia o avance da investigación que supuxo para o agro galego atallar os andazos que estragaban as colleitas e a vida do gando, que eran a base de sustentación dos nosos labregos,  amén doutras aportacións farmacolóxicas de gran transcendencia para asegurar a calidade de vida da humanidade. Subliñou a importancia do acto, tanto en canto, don Ramón Obella Vidal, un descoñecidos para todos,  reaparecía na historiografía galega grazas ao traballo de investigación que fixo o profesor Ricardo Gurriarán e que o Foro Peinador vén de editar co título “Obella Vidal. Investigador, empresario e galeguista”.

    Aproveitou o presidente do Foro Peinador para lembrar, nestes momentos tan adversos para a lingua galega, que Obella Vidal é, por dereito propio, un referente imprescindible para afianzar a nosa autoestima e ter máis confianza no futuro. Un exemplo para o empresariado galego de hoxe. “Galicia -dixo- ten na súa historia referentes singulares que aportaron coñecementos científicos innovadores e que fixeron posibles grandes avances na humanidade”. Referíuse a algúns deles, citando a xeito de exemplos a don Ramón Silvestre Verea, un estradense emigrante en New York, que grazas ao seu inxenio inventou a calculadora, e a don Antón Beiras, oftamólogo de recoñecido prestixio na comunidade científica internacional “sen o invento da calculadora os americanos non terían a posibilidades de resolver as complicadas operacións aritméticas para preparar a primeira viaxe á lúa” –dixo-. “Outra figura descoñecida para o gran público foi a de Antón Beiras, inventor do “Vigoscopio”, que supuxo un avance importante na solución do extravismo, corrixindo un defecto visual que hoxe ten solución”, engadíu.  Son dúas figuras senlleiras da investigación, ámbolos dous galegos, que aportaron os seus coñecementos para que a humanidade acadase grandes progresos científicos. O presidente do Foro Peinador anunciou que, precisamente, esta entidade en colaboración co Concello da Estrada, renderanlle a don Ramón Verea a primeira homenaxe que se lle vai facer na súa terra, erixíndolle un monumento na súa aldea natal -Curantes- e a organización dunhas xornadas dirixidas á galeguización do tecido industrial das terras de Montes, Tabeiros e Deza o próximo mes de xullo.

    O Fiscal Superior de Galicia, don Carlos Varela, no seu parlamento aos medios de comunicación presentes no acto, recordoulles a importancia do labor de Obella Vidal na investigación científica, pioneira no Estado español, recordando a outros investigadores que traballaron ao seu carón como Francisco Cordón e Fernando Calvet.  Sen eles o eficacísimo labor empresarial desenvolvido por Antonio Fernández, empresario modélico, Galicia non tería acadado as cotas de progreso que Zeltia aportou.

    O profesor Ricardo Gurriarán estendeuse polo miúdo na sua biografía: O galego Ramón Obella Vidal é un destes personaxes esquecidos que pasou desapercibido por non deixar pegadas. As súas accións tiveron unha grande trascendencia no desenvolvemento do ámbito empresarial en Galicia, no terreo científico aplicado á industria, desde os anos trinta. Foi capaz de ter ideas, de desenvolvelas e de buscar ás persoas axeitadas para materializalas. Foron moitas as iniciativas que saíron do seu maxín, desde a instalación dun laboratorio bioquímico en Vigo, como foi o Miguel Servet, en sociedade con Alexandre Bóveda, compañeiro seu de militancia galeguista, ata a posta en marcha da emblemática Zeltia, en 1939, pasando por compañías de exportación de caruncho do centeo, desde Portugal, nos tempos da guerra civil, ou facer estudos experimentais con productos e subprodutos animais. O I+D+I xa estaba lanzado en Galicia desde aquela, por obra deste médico de Bastavales, cando a bioquímica aínda estaba dando os seus primeiros pasos.
    Se naquel momento a investigación científica galega basculaba sobre a Universidade de Santiago, el foi a esta institución a buscar á persoa máis axeitada para desenvolver as súas modernas ideas sobre a explotación de recursos naturais do país, con fins industriais. A persoa escollida foi o avanzado Fernando Calvet, mozo catedrático catalán de Química Orgánica, quen foi da man de Obella para acometer toda canta iniciativa saía da fervenza propulsora deste sarillo. Non hai que esquecer que esta icona científica, Fernando Calvet, chegou a traballar e a investigar con dous Premios Nobeles diferentes, no campo da Química: o alemán Hoffman e o sueco Von Euler, con quen publicou varios traballos científicos. Calvet, logo dun curto exilio, volveu do estranxeiro reclamado por Obella para poñer en marcha a empresa Zeltia, da que ambos foron accionistas, en compañía dos irmáns Fernández. No Porriño, onde Obella tivera a primeira granxa experimental, levaron á cabo unha importante experiencia empresarial de longo percorrido, que hoxe aínda subsiste, mais diversificada. Coas mentes lúcidas do máis granado da ciencia e a docencia represaliada polo franquismo, Zeltia púxose a andar, en 1939. Desde aquela, o campo galego deu o primeiro chanzo na aplicación de diferentes compostos para o agro fabricados no país. Os labregos entregáronse ao ben quefacer daqueles mozos investigadores que fabricaban produtos que melloraban as súas colleitas e evitaban andazos, a maiores de ver como o engorde e a saude do seu gando era unha realidade. Os “sabios zélticos” non esqueceron de facer a publicidade e a propaganda na lingua que falaba a xente do campo, desde os anos cincuenta: o galego
    Nun momento onde o marco non era moi doado para desenvolver iniciativas, Obella, independentemente da circunstancia, foi quen de levar á cabo empresas de moito calado, superando canto atranco se lle puxese por diante. Poderíamos catalogalo como un promotor científico e empresarial que fixo país, dende o país, con compromiso.

    Pechou o acto o tenente de alcalde don Santiago Olveira que, en sentidas palabras, agradeceulles ao Foro E.Peinador que posibilitase que o Concello de Vigo rendese unha merecida homenaxe a un galego, que, coma poucos, soubo conxugar a súa actividade empresarial en termos de prestixio, éxito, galeguismo e con grande proxección universal.

    Previous articleConmemoración da Declaración do Hostal
    Next articleEmpresa e identidade

    LEAVE A REPLY

    Please enter your comment!
    Please enter your name here