Declaración de Pontevedra

    A resistencia ao uso da lingua galega na Administración de Xustiza ten que ser superada polos operadores xurídicos que defenden os intereses das institucións públicas. O artigo 7.2 da Lei 3/1983 de 15 de xuño, de Normalización Lingüística de Galicia, ampara aos letrados para demandaren dos tribunais de xustiza que diten sentenzas en lingua galega. Por ese motivo cómpre que as institucións públicas dean instrucións aos seus representantes xurídicos para que utilicen o galego perante os correspondentes órganos xurisdicionais solicitando deles as resolucións en lingua galega.

    Segundo os datos recollidos na Memoria do ano 2021 do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia son milleiros os expedientes tramitados polas oficinas xudiciais que se resolven en castelán, tanto nos xulgados do Social como nos do Contencioso-Administrativo, e iso pasa porque nin as centrais sindicais nin os concellos, dan as órdenes necesarias aos operadores xurídicos que as representan para que amparándose no dereito recollido no artigo 7.2 da Lei de Normalización Lingüística se soliciten as sentenzas redactadas en galego. Un dereito recollido na lei hai preto de 40 anos que inexplicablemente ninguén, salvo contadas excepcións, exerce e que sen lugar a dúbidas faría que este noso desexo da normalización da lingua galega no eido xurídico fose unha realidade cotiá.

    Por iso, desde a Irmandade Xurídica Galega, promovemos a Declaración de Pontevedra en colaboración coa Deputación Provincial da provincia e a Xunta de Galicia solicitándolles aos  concellos unha reafirmación no compromiso na defensa da utilización do galego no ámbito xurídico e administrativo. Porque estamos seguros de que se todos os concellos galegos esixiran ese dereito establecido, a nosa lingua estaría máis presente na sociedade.

    Velaí a importancia que ten a Declaración de Pontevedra para a galeguización do país.

    Previous articleRestaurando a memoria en Santo André de Camporredondo, Ribadavia “En galego, agora e sempre”.
    Next articleA RESTAURACIÓN DA MEMORIA DE FLORENCIO, CEGO DA FONTANEIRA