Coa descuberta dunha placa que recorda o domicilio de don Ramón Obella Vidal, médico e fundador dos Laboratorios Zeltia, na rúa Alfonso XIII de Vigo, principiamos os actos da II Asemblea da IRMANDADE DA SANIDADE GALEGA que tivo lugar no Centro Social de Novagalicia banco.
Un cuarteto de música integrado por membros da Orquestra Clásica de Vigo foi o acompañamento musical ó longo do acto.
D. Xoaquín Monteagudo Romero, Presidente da Asociación de Funcionarios para a Normalización Lingüística de Galicia, centrou a súa intervención sobre os obxectivos e valores que deben informar o proceso de normalización lingüística.
Don Manuel Blanco, membro da ISAGA, foi o encargado de dar lectura a acta dos acordos da Xunta Directiva da Irmandade.
O Coordinador Xeral da ISAGA, don Pablo Vaamonde García, na súa intervención apelou a autoestima do persoal sanitario para superar vellos prexuizos lingüísticos e xerar un estado de opinión favorable ó uso da lingua.
Don Bernardino Pardo exercendo de mestre de cerimonias, foi chamando ós novos irmandiños e irmandiñas para formalizaren o compromiso público de utilización da lingua no exercicio profesional.
O biógrafo de Obella Vidal, don Ricardo Gurriarán, fixo un percurso pola historia da universidade compostelá na que coincidiran, nun período fecundo de tempo, grandes personalidades na ciencia médica, todos baixo a éxida do reitor Rodríguez Cadarso, e neste contexto a aparición de Obella de Vidal vai ser determinante na súa formación.
Don Valentín García Gómez, Secretario Xeral de Política Lingüística, púxolle o ramo á celebración da II Asemblea da ISAGA facendo fincapé na importancia que ten para a normalización da lingua galega, a súa vehiculización a través do prestixio que teñen na sociedade os profesionais da medicina.