Acto de nomeamento de Don Benito Montero Prego como fillo adoptivo do Concello de Poio

    Acto de nomeamento de Don Benito Montero Prego como fillo adoptivo do Concello de Poio

    O venres -9 de xullo de 2010- celebrouse no “Casal de Ferreirós” o acto de nomeamento de D. Benito Montero Prego como Fillo Adoptivo do concello de Poio, localidade na que reside desde o ano 1996 e polos méritos de ser un persoeiro destacado no labor de promover o uso do galego nun dos ámbitos onde a súa presenza está menos normalizada, o da Xustiza.
    Eran as 20:45 horas cando na porta do “Casal de Ferreirós” o alcalde do concello recibía ao homenaxeado e ás persoas que ían chegando para acompañar a don Benito neste acto de recoñecemento.
    Ás 21:00 horas e aos acordes da “Alborada de Veiga” entraban no salón principal do edificio o homenaxeado xunto coa súa dona e as persoas que conformaban a presidencia do acto: D. Luciano Sobral Fernández, Alcalde do concello; D. Miguel Angel Cadenas Sobreira, Presidente do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia; D. Carlos Varela García, Fiscal Superior de Galicia; Dª. Teresa Conde-Pumpido Tourón, Presidenta do Consello Consultivo de Galicia e D. Luciano Varela Castro, Maxistrado do Tribunal Supremo, quenes co público en pé e entre aplausos, deronlle a benvida.
    Don Xosé Lois Martínez Blanco, concelleiro de Turismo e Festexos do concello de Poio, foi o encargado de facer mención dos méritos que se tiveron en conta para conceder o nomeamento de Fillo Adoptivo.
    Sumáronse ao recoñecemento a pesares de non poder estar presentes, moitísimas persoas que fixeron chegar telegramas de adhesión e escritos dos que a presentadora do acto foi dando conta, entre os que se encontraban:
    Don Francisco Fernández del Riego patriarca das letras galegas que non pode estar aquí debido a súa avanzada idade, insistíu en que felicitasemos expresamente, no seu nome, a don Benito Montero Prego polo seu exemplo na defensa da nosa lingua no seu ámbito profesional.
    Don Cándido Conde-Pumpido Tourón, Fiscal Xeral do Estado, “dí sentir moito non poder asistir ao acto pero manda unha forte aperta para Benito neste significado día no que se recoñece a súa aportación á causa da galeguidade no ámbito xurídico”.
    Don Xosé Luís Méndez Ferrín, Presidente da R.A.G. “louva o traballo desenvolvido polo Sr. Montero Prego na dignificación e extensión da nosa lingua nos procesos xudiciais”.
    Don Xosé Manuel Beiras Torrado, manifesta os seus parabéns para D. Benito e o louva o seu traballo arreo pola dignificación da lingua galega.
    En parecidos termos manifestaron tamén a súa adhesión e felicitación a Don Benito Montero as seguintes personalidades: Don Ramón Villares Paz, presidente do Consello da Cultura Galega; Don Xosé María Barja Pérez, reitor da Universidade da Coruña; Don Salustiano Mato de la Iglesia, Reitor da Universidade de Vigo; Don Juan José Casares Long, Reitor da Universidade de Santiago de Compostela; Don Juan José Martín Álvarez, Director Xeral de Xustiza da Xunta de Galicia.; Don Camilo Ocampo, Subdelegado do Goberno en Ourense; Don Delfín Fernández, Subdelegado do Goberno en Pontevedra; Don Demetrio Fernández López, Presidente do Consello Galego de Relacións Laborais; Don Xosé Ramón Gómez Besteiro, Presidente da Deputación Provincial de Lugo; Don Xosé Luís Baltar Pumar, Presidente da Deputación Provincial de Ourense; Don Xosé Antonio Sánchez Bugallo, Alcalde do Concello de Santiago de Compostela; Don Xosé López Orozco, Alcalde de Lugo; Don Xaime Rei Barreiro, Alcalde de Redondela; Monseñor Luís Quinteiro Fiúza, Bispo da Diocese Tui-Vigo; Tamén se sumaron á homenaxe os Decanos dos Colexios de Avogados de Vigo, Santiago e Lugo.
    Máis de 150 persoas ateigaban o salón onde se levou a cabo o acto de imposición da medalla da Vila e a entrega do diploma acreditativo dos merecementos que o concello tivo en conta para outorgar esta distinción a don Benito Montero Prego, o secretario do concello, don Jacobo Barreiro Pimentel fixo lectura da acta; entre os asistentes os membros da Corporación municipal do concello e outras personalidades como D. Luís García Mañá, Xefe superior de Policía de Galicia; D. Francisco Xavier Menéndez Estébanez, Presidente da Audiencia Provincial de Pontevedra; D. Xosé Xoán Barreiro Prado, Presidente da Sección 2ª da Audiencia Provincial de Pontevedra; D. Manuel Ferreiro Losada, Xeneral Xefe da Garda Civil en Galicia; D. Xesús Palmou, Conselleiro do Consello de Contas de Galicia; D. Xosé González Martínez, Presidente do Foro Enrique Peinador; D. Xosé Costas González, Vicereitor da Universidade de Vigo; D. José Manuel Salgado, Comisario xefe provincial do Corpo de Policía en Pontevedra, etc…
    Don Carlos Varela García, Fiscal Superior de Galicia, compañeiro de carreira xudicial e vello amigo de don Benito con quen principiou, hai máis de 25 anos a andaina galeguizadora na administración de xustiza, fixo a louva do homenaxeado que foi contestada polo xa Fillo Adoptivo quen fixo un longo discurso cheo de referencias poéticas, cunha grande dose de compromiso na galeguidade tendo un especial recordo de todas as persoas que o acompañaron ata ese momento nese longo e difícil camiño; a emoción fixo que o público se erguese para apoiar cos seus aplausos as fermosas palabras escoitadas.

    Previous articleIII Asemblea IXUGA
    Next articleEn memoria de Gonzalo Jar

    LEAVE A REPLY

    Please enter your comment!
    Please enter your name here