A lingua galega, memoria viva nos camposantos

    Restaurar a memoria lingüística de Galicia pasa por recuperar a lingua galega en diversos ámbitos da vida cotiá, incluíndo os camposantos, lugares onde repousan os nosos seres queridos e substituír as lápidas en castelán por outras en galego reforza a identidade colectiva contribuindo a manter vivo o legado cultural do país.

    Con este espírito, celebrouse en Soutelo de Montes, localidade natal de Avelino Cachafeiro, o Gaiteiro de Soutelo, un emotivo acto dentro da campaña “En Galego, agora e sempre”, iniciativa impulsada pola Asociación de Funcionarios para a Normalización Lingüística de Galicia (AFNLG).

    Rubén Troitiño, resaltou a importancia de Avelino Cachafeiro falando sobre a súa figura e o que representou na sociedade da época. 

    Pola súa parte, Juan Bautista Alberte Fírvida, en representación da familia, fixo unha cálida semblanza do seu tío, lembrando os trazos máis persoais do músico.

    A tenente de alcalde do Concello de Forcarey, Beatriz Rodríguez, amosouse agradecida por acoller este acto tan significativo no municipio.

    O Secretario Xeral de Política Lingüística, Valentín García Gómez, insistiu na necesidade de seguir avanzando cara á plena normalización do galego en todos os aspectos da vida, especialmente nas derradeiras vontades e nos momentos de despedida.

    Ao remate do acto institucional, os participantes achegáronse ao camposanto para descubrir unha nova lápida en galego sobre a sepultura de Avelino Cachafeiro, un xesto simbólico que recupera a memoria dunha figura clave na difusión da música e da lingua galega.

    Previous articleVictorino Gutiérrez Aller, exemplo de compromiso co galego
    Next articleEn galego agora e sempre no Lérez. Homenaxe a José Silvent, o mítico Barriga Verde