A LINGUA DA PUBLICIDADE

    A publicidade utiliza a lingua para enfatizar e matizar a mensaxe que pretende achegar aos consumidores utilizando frases que sinteticen o seu obxectivo. Xa que logo,  o idioma que se utilice non é indiferente porque debe ser aquel que teña prestixio social e o galego hai ben anos que acadou ese estatus convertíndose na columna vertebradora da nosa identidade. 

    Actualmente a inmensa maioría dos cidadáns, polo tanto consumidores e consumidoras, coñece e usa en maior ou menor medida o galego porque o estudaron nos ciclos escolares. 

    Se o galego é a lingua das institucións públicas e das súas campañas publicitarias, como non vai ser tamén unha lingua válida para outras campañas dirixidas á cidadanía desde empresas que se asentan no noso territorio?  O problema non existe, so existe falta de sensibilidade coa defensa do noso idioma. É fundamental crear rede e para iso é necesario que nos centros formativos e nas universidades se emita un discurso distinto, sen prexuizos culturais e lingüísticos. 

    O Foro Peinador o ten claro: a publicidade en galego é eficaz para a comunicación achegando aos consumidores e á cidadanía mensaxes publicitarias no idioma do país. Os datos non deixan lugar a dúbidas, a inmensa maioría dos galegos e galegas acepta con agrado que a publicidade se emita en lingua galega. 

    Velaí porque os premios á publicidade en galego son convocados conxuntamente polo Foro Enrique Peinador, o Parlamento de Galicia e a Xunta de Galicia, nomeadamente pola Secretaria Xeral de Política Lingüística.  

    Previous articleLUGO, EXEMPLO DE GALEGUIZACIÓN XURÍDICA
    Next articleEn galego, agora e sempre Paradela 2022