Cando desaparecen as referencias históricas do imaxinario popular xorde a lenda, por iso deben ser “espertadas” sempre que teñamos un fío para tirar del e traer ao presente os feitos históricos que as motivaron. Velaí o caso da Festa da Franqueira, de gran impacto popular nos concellos da Paradanta, onde un dos seus elementos fundamentais é a representación da loita entre o mouro e o cristián. Grazas á creatividade literaria do poeta Ramón Cabanillas recreouse a tradición, inicialmente nun castelán deturpado, nun texto de coidada redación en galego, coñecéndose actualmente como “Romance da Franqueira”. Cabanillas nunca escribiría esa xoia literaria se non mediase o empresario e galeguista Enrique Peinador Lines nese intento de imprimirlle galeguismo á tradición relixiosa.
Por ese motivo, a Asociación de Funcionarios para a Normalización Lingüística de Galicia (AFNLG) en colaboración co concello da Cañiza, a Xunta de Galicia e a Deputación de Pontevedra levaron a cabo un acto de rememoración histórica en lembranza dese feito histórico e do centenario da creación do Seminario de Estudos Galegos colocando un monolito no adro da igrexa da Franqueira obra da Escola de Canteiros da Deputación provincial.
Interviñeron no acto o vicepresidente da AFNLG, D. Xosé González Martínez; o historiador e etnógrafo D. Clodio González Pérez; o párroco da Franqueira D. Javier Alonso Docampo; D. Valentín García Gómez, Secretario Xeral de Política Lingüística da Xunta de Galicia e o alcalde da Cañiza D. Luís Piña.
No remate do acto algunhas persoas cantaron varias das “cantigas do camiño” que Ramón Cabanillas escribíra para os romeiros da Franqueira.