85º Aniversario do Congreso de Economía de Galicia do ano 1925

    O discurso do Foro E.Peinador está estruturado sobre os piares do pasado.
    Calquera acción humana debe partir dunha experiencia previa, e a partir dela procurar deseñar unha estratexia máis rigososa posible para modificar a realidade inmediata e o futuro. Son moitas as fórmulas empregadas. Máis non todas atinan na elección do método de análise. Uns descontextualizan da análise circunstancias necesarias para ter éxito na diagnose; outros incorporan elementos colaterais. Os primeiros equivócanse. Os segundos teñen máis posibilidades de acertaren nas solucións. Isto foi o que aconteceu no Primeiro Congreso de Economía de Galicia celebrado en Lugo no ano 1925.
    Aquel cónclave, decisivo para entender as solucións aos problemas que tiña Galicia, foi abordado desde a pluralidade das disciplinas científicas. Aínda hoxe as súas conclusións serven de referente para abordar os problemas actuais: organización territorial e administrativa, rede de comunicacións, fomento do turismo que parte dunha economía sostible, enerxías alternativas, investigación en campos tan diversos como os cultivos e os produtos elaborados… Nese conxunto de vectores aparecían a cultura e a lingua galega como elementos cohesionadores dun proxecto estratéxico.
    Co paso do tempo ímos observando como as institucións públicas encargadas de dinamizaren a economía desbotan a interacción da cultura e a lingua galegas. Calquera dos plans estratéxicos elaborados en Galicia nos últimos vinte e cinco anos non ten paragón co xesto do Congreso de Economía de Lugo de 1925, alomenos nesa sensibilidade demostrada por incorporar a lingua e a cultura galegas como patrimonio común.
    O Foro E. Peinador, xa que logo, parte desa idea irrenunciable de procurar nos sinais de identidade os alicerces da autoestima e da diferenciación. Ser diferente é ser existente, dixera Vicente Risco. Esa expresión ten hoxe plena actualidade. O espírito do europeísmo parte de apriorismo. A globalización esixe diferenciación. Un mundo que negue a riqueza do mosaico de culturas é un mundo abocado á deleiba. O Foro E. Peinador toma como referencia o pasado, o pensamento filosófico dos seus intelectuais máis lúcidos e con esa bagaxe conecta coas modernas teorías da biodiversidade cultural e lingüística; biodiversidade que serve para darle visibilidade ás economías e aos seus produtos. A aceptación da pluralidade significa o respecto polos dereitos fundamentais dos pobos e dos cidadáns, que teñen nos seus sinais de identidade fundamento e razón para compartiren o mundo.
    O Primeiro Congreso de Economía de Galicia tivo como escenario o salón nobre do Círculo das Artes da cidade de Lugo levándose a cabo os días 2 e 3 de outubro de 1925. Oitenta e cinco anos despois, a proposta do Foro E. Peinador, o xornal “El Progreso”, o Concello, a Deputación e a Sudelegación do Goberno de Lugo celebraron unha xornada conmemorativa daquel importante suceso. Nela participaron as tres universidades galegas representadas por don Xosé María Barja Pérez, reitor da Universidade da Coruña, don Francisco Xabier Martínez Cobas, comisionado para os plans estratéxicos da Universidade de Vigo, don Pablo Ramíl Rego, vicerreitor adxunto de Investigación e Innovación da Universidade Santiago de Compostela.
    O profesor Xoán Carmona pronunciou a conferencia inaugural na que analizou o significado da celebración daquel Primeiro Congreso de Economía.
    Suscitou interese a conferencia de don Javíer García de Paredes director xeral adxunto de Novacaixagalicia. Interviron ademais, don Carlos Varela García, Fiscal Superior de Galicia, don Anxo Lourenzo Suárez, Secretario Xeral de Política Lingüística, don Xosé Vázquez Portomeñe, Subdelegado do Goberno en Lugo, don José Clemente López Orozco, Alcalde da cidade, dona Blanca García Montenegro, presidenta del Grupo El Progreso, don José Ramón Gómez Besteiro, presidente da Deputación Provincial, e don Xosé González Martínez, presidente do Foro E. Peinador.
    Na Casa do Concello colocouse unha placa de bronce conmemorativa da xornada.
    A xornada estivo moi concorrida coa presenza de empresarios significados das catro provincias galegas.

    Previous articlePresentación campaña “A Lingua no Padal”
    Next articleEducación e Ideoloxía en Ourense na IIª República

    LEAVE A REPLY

    Please enter your comment!
    Please enter your name here