O noso sabor, se é de aquí mellor en galego

    A campaña “O noso sabor, se é de aquí mellor en galego” achega aos consumidores e consumidoras conscientes a mulleres que reivindican o traballo no rural con identidade propia. Mulleres que están a crear a marca Galicia con produtos de calidade etiquetados en galego, reforzando coa utilización do noso idioma unha maneira de ser e facer.

    LICORES OS MAIOS

    LICORES OS MAIOS é unha empresa fundada por Maica e Marina en Leiro (Ourense), onde elaboran gran variedade de licores artesanais con ingredientes naturais e materias primas galegas, apostando polo rural como estilo de vida. Mediante técnicas tradicionais e un proceso de elaboración meticuloso, ofrecen no mercado produtos de alta calidade, cun carácter distintivo e coa lingua galega como sinal de identidade nas súas etiquetas.

    QUEIXOS VERBAS

    QUEIXOS VERBAS é unha marca que nace da fusión de tres granxas familiares na contorna do concello coruñés de Arzúa que decidiron producir en ecolóxico, apostando por unha produción responsable co medioambiente no entorno rural onde se encontran, como unha maneira de facer queixo respectando a tradición pero inxerindo innovación e orixinalidade na súa produción.

    Mamá Teresa doces artesáns

    Mamá Teresa doces artesáns, é un proxecto familiar de dúas mulleres comprometidas coa terra e co país. Teresa e Andrea, nai e filla, producen doces de gran calidade que etiquetan en galego porque consideran que marcalos co sinal de identidade é fundamental para que os consumidores e consumidoras entendan unha maneira de ser e facer. Un proxecto que crece cada día e que deixa pegada naqueles que os degustan porque son únicos e distinguidos.

    EMBUTIDOS LALINENSE

    EMBUTIDOS LALINENSE é unha empresa familiar fundada no ano 1949 en Lalín, dedicada á elaboración de embutidos que destacan pola súa calidade, combinando técnicas tradicionais transmitidas de xeración en xeración coa innovación e os estándares modernos de produción alimentaria. Un dos sinais de identidade máis destacados de EMBUTIDOS LALINENSE é o uso da lingua galega na etiquetaxe dos seus produtos, unha decisión que vai máis aló do aspecto comercial. Cruz López, responsable de Comunicación da empresa, sempre tivo claro que o uso do galego na etiquetaxe non só reforzaba a identificación dos produtos coa cultura e tradición galegas, senón que tamén lles outorgaba un valor engadido e unha marca de diferenciación. En cada produto etiquetado en galego, EMBUTIDOS LALINENSE ofrece aos seus clientes moito máis que un embutido: ofrece unha experiencia que conecta co patrimonio cultural galego e coa excelencia dunha empresa que leva máis de sete décadas traballando con paixón e compromiso.

    Previous article25 xullo, día de Galicia
    Next articleGaleguismo empresarial. Economía e identidade