A música tradicional galega é o fío condutor a través do cal fluíu a transmisión oral da nosa lingua durante séculos. En calquera lugar e recuncho da nosa terra, onde as palabras teñen son e as emocións ritmo, as cantareiras e pandereteiras mantiveron viva a lingua galega, a tradición e a alma do pobo. A través das súas voces e das súas mans fixeron da música unha ponte entre xeracións, un berro de identidade que resiste ao paso do tempo.
Foron elas, mulleres fortes e valentes, as que nos seráns, nas festas e arredor das lareiras, transmitiron e conservaron a nosa fala e a nosa esencia a través dos cantos.
Neste ano das cantareiras queremos render homenaxe ás mulleres anónimas que con forza e sabedoría fixeron da música unha forma de resistencia.
Nas aldeas, nos campos, nos encontros comunitarios, foron elas as que souberon preservar e compartir a lingua galega e os saberes populares, xeración tras xeración.
Lembrar as súas vivencias é fundamental para recuperar o orgullo de sermos galegas e galegos.
Porque cada copla cantada en galego é unha semente de futuro e unha celebración da nosa identidade.