A recolleita de cantigas populares foi unha constante no labor dos nosos musicólogos e etnógrafos. No século XVIII o Padre Sarmiento recollera unha man chea delas. Posteriormente, este labor seguíuno facendo Rosalía de Castro e outros intelectuais do seu tempo.
Foi a partir do século XX cando con criterios máis estrictos e técnicos Marcial de Adalid, Jesús Bal y Gay e Casto Sampedro emprenderon unha tarefa sen precedentes, que servíu para salvar unha parte importante do noso patrimonio cultural. Pero non foi menor o labor recopilatorio do “Xocas”, de Cotarelo Valledor, de Ramón Cabanillas ou de Álvaro das Casas e doutras personalidades da cultura galega, pertencentes á Xeración Nós, sen que con eles se esgote a nómina dos nosos compiladores. Na década dos oitenta a Fundación Barrié de la Maza publicou un novo Cancioneiro Musical Galego da autoría de Antón Santamarina e Dorothy Schubart. Quizais sexa esta a obra máis recente e importante.
A música tradicional galega semella ser unha fonte inesgotable de información sobre o xenio creador do pobo galego.Velaí está a discografía que, a cada pouco, ofrécenos novidades rítmicas e tímbricas, recollidas aínda na memoria dos nosos vellos. É posible que esteamos xa preto da fin desa fervenza. A perda da tradición oral, que arrinca de raíz o máis senlleiro da nosa antropoloxía, alértanos sobre a fin dun ciclo coa desaparición da xente máis vella, testemuña dun tempo no que as nosas xentes acrecentaban o cancioneiro popular nos fiadeiros, nos labores agrícolas e ó carón do lume nas noites de invernía.
Estamos, xa que logo, no treito final. Aínda quedan persoas maiores que dan conta dun tempo ido, da súa música e das súas cantigas. Por esta razón a Asociación Álvaro das Casas, seguindo unha tradición iniciada, como xa queda dito, hai moitos séculos, e sabedora de que nas terras do Ribeiro e Orcellón aínda viven xentes que viron cantar moitos cucos, buscou neles esa fonte de información, para que ningunha cantiga popular se perda coa desaparición desas memorias humanas.
Este labor de inventario fíxose tomando como referencia ás persoas de máis de oitenta anos. Localizados e contactados pedíuselles que colaborasen connosco no exercicio da memoria para ver de atopar letras e músicas que non figuran nos cancioneiros preexistentes e para manter conversas con eles sobre as súas vivencias nun tempo xa pasado.
Durante varias xornadas, no Pazo dos Ulloa en Esposende-Ribadavia, o etnógrafo e membro da Asociación Álvaro das Casas, D. Clodio González Pérez, coordenou unhas xornadas que titulamos ENCONTROS COA TRADICIÓN:Conversas no Ribeiro. Da man de Pío García, graváronse moitas horas de conversas cos entrevistados utilizando sistemas de gravación e reprodución moi fiables para garantir a súa óptima sonoridade. O resultado desas gravacións é o primeiro libro que xa é unha realidade “O Viño”.