Etiquetar en galego é poñer en valor o noso, é facer visible Galicia nos andeis dos supermercados é falarlle ao mundo con voz propia. Porque cada produto que fala en galego está apoiando unha economía sostible, arraigada no territorio e respectuosa coa diversidade cultural e lingüística.
Son moitas as produtoras e produtores que están a facer as cousas ben, coidando da terra, producindo e etiquetando en galego os seus produtos contribuindo a fortalecer o sector agroalimentario con identidade convertendo o uso da lingua galega nunha marca de autenticidade e compromiso.
Como consumidores e consumidoras debemos consumir con responsabilidade, apoiando un modelo que respete o noso entorno e os nosos valores. Escoller produtos etiquetados en galego é un acto de compromiso coa nosa lingua pero tamén co modelo de país que queremos construír. Porque consumir produtos etiquetados en galego é vivir en galego!
Kalekói é unha empresa con sede en Lalín que elabora iogures e leite artesanais con leite A2 procedente da súa propia gandería en Rodeiro. Fundada por Susana Aguiar e Álex Moure, recupera a tradición gandeira para ofrecer produtos de máxima calidade que etiquetan en galego reafirmando o compromiso coa lingua e coa identidade galega. Levar o galego nas súas etiquetas é para Kalekói unha mostra de orgullo, unha maneira de defender a cultura propia e de facer país desde o rural.
Na Estrada atopámonos con Alberto, un produtor comprometido coa calidade e coa nosa lingua. Na súa granxa as galiñas viven ao aire libre, alimentadas con coidado e criadas con respecto, seguindo un modelo sostible e responsable. Os ovos que produce son como os de antes: frescos e con ese sabor auténtico que lembra á casa, ao de sempre. Pero o que fai realmente especiais os seus Ovos de Volteiro é que levan a identidade ben visible, están etiquetados en galego, porque para Alberto falar e producir en galego é un acto de orgullo, de coherencia e de compromiso coa cultura á que pertence.
Cafés Sabora: o sabor do bo café tostado con agarimo… e en galego
Café Sabora é moito máis ca unha empresa de tostado de café. É unha empresa familiar que aposta por un proceso artesanal e cotiá que garante un produto de altísima calidade, lonxe da produción masiva. Pero o que realmente distingue a Cafés Sabora é o seu compromiso coa lingua galega, que empregan con orgullo nas súas etiquetas e envases desde hai 40 anos.
Cada paquete de café é unha declaración de principios: o galego como ferramenta de comunicación e tamén como símbolo dunha maneira propia de facer as cousas, con identidade, respecto pola cultura e amor polo traballo ben feito. Para Cafés Sabora, usar o galego non é só unha elección lingüística, senón unha forma de conectar coa terra, coa xente e coa tradición.
Nun mercado onde se tende á uniformidade, Cafés Sabora reivindica o valor do local, do próximo e do noso e faino dende a calidade do seu café ata o coidado da lingua coa que se presenta ao mundo.