Colleita 2007. Máis Galega

    Colleita 2007. Máis Galega
    Colleita 2007. Máis Galega

    A economía vinícola é importante en Galicia. Tanto pola produción acadada como polo número de adegas que funcionan en Galicia. É un sector atomizado, sen dúbida, pero de gran transcendencia para a economía galega.

    O consumo dos viños galegos é moito maior que hai 25 anos, por poñermos un referente no tempo. Isto conseguíuse a partir da mellora da elaboración dos caldos e a presentación dos seus envases, que conseguiron competir cos viños de La Rioja, tradicionais nas mesas dos restaurantes. Os albariños, godellos, mencias e ribeiros…. foron acadando espazos cada vez maiores nos mercados, interno e internacional. Estes logros conséguense a partir da calidade dos viños que satisfacen un mercando que demanda, precisamente, calidade.

    Estas circunstancias tan favorables a un produto de noso, tan popular e admirado polos padais máis exquisitos debe ser aproveitado para engadirlle galeguidade nas súas etiquetas. Este obxectivo garántelle ao viño maiores propiedades porque o connotan cunha denominación de oríxe nun mercado cada vez máis globalizado. A personalidade da marca refórzase ao sinalar as súas oríxes nun código lingüístico propio.

    Este esforzo por galeguizar os envases semella máis un acto de particular vontade dos adegueiros que un apoio dos consumidores galegos que din profesar ideoloxía nacionalista. Así resulta que aínda podemos observar en moitos restaurantes que os consumidores con capacidade adquisitiva seguen a preferir viños sen personalidade, abandonando un ámbito de reivindicación que sería beneficioso para o País. “Viño, si; bo e etiquetado en galego, por favor”. Esta debería ser a resposta dos comensais ao empregado que atende ás mesas dos establecementos de hostalaría. Idéntica actitude deberiamos agardar das institucións públicas, académicas e culturais, que adoitan celebrar ao longo do ano moitos eventos que acaban co agallaso do consabido “viño”. O desleixo nesta opción interesada para influír nun mercado que se nega sistematicamente, as máis das veces por inercia e outras por unha equivocada estratexia comercial, fai que a presión dos consumidores non contribúa ago cambio de hábitos lingüísticos dos nosos adegueiros e publicistas.

    Semellante argumento, por extensión, valería para que os actos sociais de carácter particular (festas familiares ou outro tipo de celebracións gastronómicas) promovidos polos partidos, sindicatos ou asociacións de inequívoca defensa dos valores identitarios galegos, tamén incidisen nese afán colectivo por cambiar a conduta lingüística dun sector de tanta importancia como é o vinícola.

    A Asociación de Funcionarios pola Normalización Lingüística quere coa realización desta acción implicar a diversos sectores e facer coincidir nun mesmo tempo a forza da mensaxe, que deberiamos irradiar a distintos destinatarios: consumidores, adegueiros que xa etiquetan na nosa lingua, e aos que aínda non o fan, aos restaurantes, e ás institucións públicas que deberían dar o exemplo impoñendo nos seus ágapes a presenza de viños etiquetados en galego.

    Os medios para proxectarmos a mensaxe son:

    1. Publicidade en medios de comunicación
    2. Intervencións de escritores e xornalistas que teñen columnas de opinión nos medios de comunicación galegos
    3. Declaracións públicas de adhesión á campaña de  gran difusión por parte de particulares con predicamento na sociedade de representantes institucionais e dirixentes sociais.

    Todo isto sen esquecermos as inmensas posibilidades que nos ofrece a rede a través dos “blogs” e portais que inzan ese medio.

    Para orientar a todos aqueles que se queiran sumar a esta iniciativa de apoio aos produtos etiquetados en galego editouse unha guía de adegas e marcas que xa etiquetan os seus envases na lingua galega, na que se consignaron as características dos viños e os medios de contacto para resolver os problemas derivados da escasa presenza deses viños no circuitos comerciais de primeira magnitude.

    Incidíuse tamén na sociedade a través de anuncios publicitarios en xornais de maior tirada no país. O anuncio, cun eslógan claro e contundente, exhortou ao consumo de viño galego de calidade etiquetado en galego nas festas do nadal.

    Deixar comentario

    Please enter your comment!
    Please enter your name here