Que hoxe o 97% dos concellos galegos utilizan a lingua galega, en maior ou menor intensidade, é un feito irrefutable. Foi unha conquista que non prevían os lexisladores que redataron a lei 3/1983 de normalización lingüística. Vinte anos despois da promulgación da Lei de Uso do Galego polas Corporación Locais, quedan lagoas para a normalización lingüística. Nomeadamente no ámbito xurídico. As relacións dos concellos coas distintas xurisdicións xudiciais consideramos que deben ser o próximo obxectivo. As razóns para que ese déficit existan son de variada natureza:
- A formación dos avogados recibida das facultades de dereito
- Os prexuízos destes profesionais e temores reverenciais a xuíces e maxistrados pouco receptivos
- A argallada de que os textos xurídicos teñen unha peculiar estrutura léxica, etc.
En realidade o que hai destrás desta inhibición son as sinerxias do pasado e os prexuízos lingüísticos tan arraizados na nosa sociedade.A Asociación de Funcionarios para a Normalización Lingüística de Galicia conxuntamente coa Irmandade Xurídica Galega -a súa sección xurídica constituida no ano 2008 en Celanova-, están levando adiante un programa de actividades para transformar os prexuizos existentes entre os avogados e xuíces nunha opción aberta para á utilización da lingua galega nos procesos nos que se vén inmersos. Unha destas acción é a de incidir nos Concellos. Razóns témolas:
- A Lei de Uso do Galego polas Corporación locais encoméndalle aos concellos a utilización da lingua galega en practicamente tódalas actividades.
- A Lei 3/1983 de Normalización Lingüística establece a validez da lingua galega nos usos xurídicos e administrativos e contempla o dereito esixible perantes os tribunais de xustiza (art. 7.3.) de demandaren resolucións xudiciais en lingua galega.
- O Plan Xeral de Normalización Lingüística tamén recolle esta pretensión amais de encomendarlle ás institucións públicas o fomento da lingua galega nas actividades xudiciais.
Daquela, a Asociación de Funcionarios e a Irmandade Xurídica Galega propúxolle á FEGAMP o seguinte:
- A celebración dun acto municipalista a prol da normalización lingüística.
- A sinatura no mesmo dun documento de compromiso para extender a lingua galega aos usos xurídicos.Eses usos xurídicos en galego, promovidos a instancia de parte polas asesorías xurídicas das entidades locais ou dos profesionais que traballen para elas, terían como obxectivos:
- Utilización da lingua galega nas vistas orais;
- Incorporación nos escritos de demanda unha cláusula estereotipada que diga: “Outrosi digo: que ao abeito do art. 7.3. da Lei de Normalización Lingüística se dite resolución por ese órgano xurisdicional en galego”.
- Compromiso de que as policias locais nas moitísimas relacións que manteñen cos xulgados sexa en galego (denuncias e declaracións).
- Asemade, as corporación locais comprométense a extenderen estas pretensións normalizadoras en tódolos actos xurídicos tramitados en notarias e rexistros.