A Xunta iniciará un proceso de diálogo co Goberno central para garantir que o novo programa da xustiza estea dispoñible tamén en galego

A Xunta iniciará un proceso de diálogo co Goberno central para garantir que o novo programa da xustiza estea dispoñible tamén en galego

O conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude, José López Campos, reúnese cos representantes da Irmandade Xurídica para trasladar a súa preocupación sobre que o Ministerio de Xustiza habilite o sistema ‘Atenea’ só en castelán.

O obxectivo do Executivo central é implantar a nova plataforma, en substitución de ‘Minerva’, a principios de 2026, o que complica que se remate a tradución á lingua galega a tempo.

A Administración autonómica, ao abeiro do Pacto pola Lingua, xa ten en marcha medidas para favorecer o uso do idioma neste ámbito como cursos específicos.

Santiago de Compostela, 17 de xuño de 2025
A Xunta de Galicia iniciará un proceso de diálogo co Goberno central para garantir que o novo sistema de xestión procesual que vai implantar o Ministerio de Xustiza esta dispoñible tamén en lingua galega. Así llo informou hoxe o conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude, José López Campos, aos representantes da Irmandade Xurídica, cos que se reuniu para trasladarlle a súa preocupación sobre que o Goberno central habilite só en castelán a plataforma Atenea, que substitúe á anterior, Minerva.

Neste senso, o conselleiro afirmou que “pese a falta de compromiso do Goberno central”, a Xunta manterá “o seu total apoio para que o galego estea presente nas aplicacións tecnolóxicas que se utilizan na Administración”. Tal e como explicou, a intención do Ministerio de Xustiza é asinar un convenio para ceder o sistema procesual á Xunta de Galicia só en castelán e que sexa o Goberno autonómico o que asuma a implantación da lingua galega no programa. “Trátase dun traballo técnico complexo que precisa de tempo e investimento para poder levalo a cabo e os tempos que se manexan desde o Ministerio dificultan que esa conversión ao galego poida estar resolta para o ano 2026, data prevista para a súa posta en marcha”, apuntou.

Deste xeito, durante a xuntanza, López Campos trasladou que se iniciará un proceso de diálogo cos representantes do Ministerio de Xustiza, xa que a mellor opción técnica para que os procedementos da xustiza respecten a cooficialidade lingüística é que sexa o propio Executivo central, como impulsor da plataforma, o que se comprometa a habilitar todos os idiomas respectando e favorecendo así o uso da lingua galega.

Neste contexto, o responsable de Lingua do Goberno autonómico lembrou que ao abeiro do Pacto pola Lingua xa están funcionando outro tipo de iniciativas para fomentar e prestixiar o uso do idioma na xustiza. Así, a finais do pasado ano, López Campos asinou un convenio co fiscal superior de Galicia, Fernando Suanzes, a través do cal se puxeron en marcha cursos de formación específica en lingua e cultura galegas para persoal deste sector profesional, que se sumaron así a outros enfocados noutros ámbitos da Administración ou no eido sanitario.

Previous articleFaro de Vigo – Esther Estévez Casado e Miguel Anxo Seixas, premios Lois Peña Novo
Next articleEl Supremo condena a los Franco a restituir dos estatuas del Pórtico de la Gloria de la catedral de Santiago